Blog

Videoconferencia Renda Básica Universal e Incondicional en Modepen o día 04-11-2020.

O pasado día 4 de novembro de 2020 o Movemento Galego pola Defensa das Pénsións Públicas (MODEPEN) organizou un debate sobre a Renda Básica Universal e Incondicional a través da plataforma ZOOM, actuando como relatores Xabier Pérez Davila e Bieito Lorenzo Penela.

Neste enlae podedes ver o video das interevencións dos dous relatores:

Relatorio de Xabier Pérez Davila (Economista, Experto en Pensions): Que é a Renda Básica Universal e Incondicional

Relatorio de Bieito Lorenzo Penela (Sociólogo, membro dos Colectivos Cidadáns pola Renda Básica ): Os partidos e os movementos sociais diante da Renda Básica

E neste enlace podedes ler a intervención de A. Bieito Lorenzo Penela

Dous Manifestos Pola Cultura

Por Afonso-Bieito Lorenzo Penela

Publicado en praza.gal (14-10-2020): Enlace ao artigo en Praza.gal

Todos os sectores económicos están a sufrir graves dificultades por culpa desta pandemia, afondando unha crise que xa viña de atrás (Ben todos, todos, non. Hai excepcións, contadas dende logo, pero siginificativas, como o da especulación – Un botón- Elon Musk gañou 7.000 millóns de dólares nun día (1), amosando por certo, unha “produtividade” impresionante)

E o que resulta evidente é que as medidas adoptadas para acabar ou paliar os efectos devastadores sobre a economía non están a ser todo o eficaces que deberían.

Pero, cales deben ser as solucións aos problemas destes sectores? A resposta vai depender da perspectiva que usemos. Porque os problemas sociais e económicos pódense analizar usando diferentes focos que nos permiten describilos de forma diferentes. Non me refiro, neste caso, a perspectivas enfrontadas como as dos empresarios versus os traballadores ou o turismo versus a seguridade sanitaria, senón que falo das perspectivas que pode e debe usar un mesmo grupo de persoas, sexa un sector ou unha clase. Unhas visións que moitas veces vannos facer repensar reivindicacións que a primeira vista parecen evidentes. Como exemplo vou reflexionar sobre dous manifestos dun mesmo sector, o da cultura. Un sector moi importante e do que ademais persoalmente me sinto próximo.

O primeiro manifesto (2) que vou mencionar materializouse ao redor da chamada “Alerta Vermella” que se concretaron en Galiza (ata agora) nas concentracións de Compostela e máis de Vigo do pasado 17 de setembro. A mobilización tivo un amplo eco como puidemos ver en  Praza (3) ou en Nós (4).

No acto de Compostela (como lemos no enlace mencionado de Praza) denunciábase que “Foi este sector un dos primeiros en suspender a súa actividade e seis meses despois a parálise segue a ser a nota predominante. De non paliarse esta situación límite, destruirase o emprego, milleiros de familias irán a ruína e provocarase a inviabilidade futura do sector“.

Como vemos o foco ilumina a situación “realista” do sector. Parten de que é un sector produtivo “3,8% do PIB español e 700.000 empregos relacionados” e como tal analizano: “o sector vive unha situación extrema que, de non paliarse, suporá a ruína de miles de familias, a imposibilidade de manter o emprego e a inviabilidade futura das empresas e da actividade de moitos profesionais” (“Comunicado de mobilizacións 17S”) e esixen claramente as súas reivindicacións tal e como faría calquera outro sector produtivo: “Instamos ao goberno de España e aos ministerios de Traballo, Facenda, Asuntos Económicos, Cultura e Deportes e Industria que tomen medidas urxentes nas próximas semanas para garantir a supervivencia do sector, ademais de crear de inmediato unha mesa sectorial que defina as necesidades do mesmo, afectado pola estacionalidade e intermitencia da actividade, dando prioridade á regulación mediante a negociación dun convenio colectivo sectorial a nivel nacional”.

En consecuencia propoñen medidas urxentes semellantes ás propostas por outros sectores produtivos: “reactivación inmediata das axendas culturais e de eventos das administracións públicas, en especial das entidades locais, baixo o estrito cumprimento dos protocolos de seguridade sanitaria, a prórroga da prestación especial por cese de actividade, a prórroga dos ERTE e recoñecemento da actividade como intermitente ou a aplicación do IVE reducido nos sectores vencellados á Industria Cultural, do Espectáculo e Turismo de Congresos, Reunións, Incentivos e Eventos (MICE), como medida dinamizadora da actividade.”

Evidentemente son esixencias razonábeis de supervivencia para un sector moi tocado, que concretan en 14 medidas urxentes: para o sector, para os autónomos, para os traballadores por conta allea e para as empresas. O manifesto é un verdadeiro berro de socorro.

Un berro necesario en defensa dun sector económico importante e tamén, indirectamente, das persoas que o compoñen, se ben, con estas medidas, adiantémolo, inevitabelmente seguirían a quedar persoas atrás.

O segundo manifesto (5) coñeceuse hai uns meses (30/04/2020) xa en plena pandemia e téndoa moi presente, e titulouse “Xente que traballa na cultura, por unha renda básica universal e incondicional” que a día 17 de xuño xa tiña un número de adhesións de máis de 4.500 persoas.

O manifesto comeza cunha declaración clara: “… unha renda básica universal e incondicional sería a mellor política cultural posíbel”.

Xustifican esta declaración en que “A renda básica universal … favorece directamente as persoas que o precisan e non se distrae nas estruturas, como fan tantos sistemas de financiamento públicos, que se perden nun fluxo de riqueza que supostamente vai de arriba a abaixo pero nunca chega a abaixo … Se se precisan estruturas, xa as construiremos nós.

Pero para chegar a esta conclusión parten dunha panorámica ampla analizando tanto a sociedade real na que se desenvolve a cultura como o propio lugar que ocupa “De que nos serviría un sistema cultural que só estivese ao servizo de aqueles que teñen o tempo, os recursos e a tranquilidade para “consumir cultura”?… Se a vida social non está garantida, a cultura non é viábel ou acaba sendo un recurso insolidario e elitista.

E tamén a “produción” cultural: “non queremos soportar máis un sistema que só nos pide producir -infatigabelmente … nunha dinámica na que nada se aproveita, nada é profundo, e na que a cultura está en perfecta sintonía con tantas outras dinámicas de sobreprodución do sistema capitalista”.

Este manifesto analiza o sistema concreto do que forma parte a cultura e non lle gusta. E  reivindica unha medida non pensada especificamente para este “sector”. A Renda Básica tan só supón a garantía dunha renda suficiente para todas as persoas, pero non cabe dúbida de que a súa aplicación  complementaría as medidas propostas por “Alerta Vermella”, polo menos “… para os autónomos, para os traballadores por conta allea e para as empresas” dos que se fala nas súas 14 reivindicacións, e mesmo as modificaría fortemente, ou incluso as substituiría por ficar innecesarias moitas delas.

Pero, ao tempo, propiciaría un cambio na forma de entender a cultura, tanto nos que a crean e transmiten como nos que a desfrutamos permitíndonos pór os alicerces para unha nova forma de entendela.

E do mesmo xeito que na cultura poderíanse analizar os posíbeis efectos dunha Renda Básica na educación (imos manter un currículo para “producir” traballadores/as ou priorizaremos “formar” persoas?), a ciencia, o deporte… Ou o mesmo concepto de traballo, rompendo por fin co seu carácter de mercancía de venda obrigatoria para quen non temos outro medio de vida para convertelo nun auténtico dereito. A renda básica non fala destes problemas, pero o seu tratamento será distinto con ela.

Ou a outro nivel: O socialismo, o ecoloxismo, o anarquismo, o feminismo… analizan o sistema actual globalmente, comproban que non lles gusta e imaxinan outros posíbeis sistemas. Propóñolles o reto de que  se prantexen como pode axudarlles a Renda Básica no seu camiño.

Unha medida simple que pode ser un punto de encontro para todas as persoas que somos conscientes da necesidade dun cambio de rumbo nun sistema que se está a esgotar.

(1) “O día 17 de agosto de 2020 Elon Musk gañou 7.000 millóns de dólares

(2) Manifesto Alerta Vermella:

(https://drive.google.com/file/d/1gDXdbq9mQR0V2AWly0tbSQtvALHVw_LC/view?fbclid=IwAR2noUD8Tn8nRFc3XAn4HCE97u1RNq8jhT1EkgXC6m9XGgJa2PXAhtFPJDk )

(3) Alerta Vermella en Praza.gal:

https://praza.gal/cultura/unha-alerta-vermella-pola-cultura-reclama-no-obradoiro-medidas-urxentes-para-salvar-un-sector-golpeado-pola-pandemia

(4) Alerta Vermella en Nós.gal:

https://www.nosdiario.gal/articulo/cultura/sector-do-espectaculo-declarase-alerta-vermella/20200917165707105162.html

(5) Manifesto Cultura-Renda Básica:

Outros enlaces de interese:

(6) Vídeo Que é a RBU? (5’ 11”)

(7) Iniciativa Cidadá Europea: Que é:

https://praza.gal/opinion/unha-renda-basica-europea-para-que-nunca-mais-ninguen-quede-atras

Asina a Iniciativa Cidadá Europa:

https://eci.ec.europa.eu/014/public/#/screen/home

(8) Colectivos Cidadáns a prol da Renda Básica Universal, blog:

https://colectivoscidadansrbu.wordpress.com/

Unha iniciativa ciudadá europea a prol da Renta Básica

Reproducimos, traducido ao galego, este artigo publicado por Gustavo Buster e Daniel Raventós o día 27/09/2020, na revista SinPermiso:

Cando o 3 de abril deste ano o Financial Times editou que “A redistribución volverá estar na axenda; cuestionaranse os privilexios das persoas maiores e dos máis ricos. Políticas consideradas ata agora excéntricas, como a renda básica ou os impostos sobre as rendas máis altas, terán que formar parte das propostas ”, un bo número de persoas quedou moi sorprendido. E outro bo número, simplemente, non debeu de dar crédito. Descoñecemos as intencións de FT, pero o contido non era precisamente ambiguo. Hai uns días, o 22 de setembro, no discurso do 75 aniversario da ONU, o seu Secretario Xeral deixou dito que “A inclusividade implica investir en cohesión social e poñer fin a todas as formas de exclusión, discriminación e racismo. Implica establecer unha nova xeración de protección social, con Cobertura Sanitaria Universal e a posibilidade dunha Renda Básica Universal “. Cicais tamén debeu sorprender a máis de un. FT e António Guterres, todo e as diferenzas entre o xornal e o SG da ONU, poñen a renda básica en primeira liña. Xunto con estes dous feitos, outro moi diferente porque pertence ao mundo dos movementos sociais: o 20 de xuño leváronse a cabo diferentes mobilizacións en diferentes puntos da xeografía do Reino de España en defensa dun “Plan de choque social”, con máis de 500 entidades de todo tipo. No primeiro punto podíase ler: “Establecemento dunha renda básica incondicional”. En claro contraste, tanto co FT como co SG da ONU e non digamos coas entidades que asinaron o “plan de choque social”, o goberno español apostou por algo moi diferente, o chamado Renda Vital Mínima, cuxos resultados, máis de tres meses despois da súa implantación, non é que sexa mediocre ou malo, é penoso. Tanto é así que se pode esperar que todo o que veña nos próximos meses será mellor. Peor, certamente, é imposible. Estamos ante un fracaso de tremenda magnitude e un desastre para a pequena parte da poboación pobre á que estaba dirixida e entre a que espertou certa esperanza. Como alguén dixo, IMV non é nin mínimo nin vital. En realidade, nin sequera é un ingreso para case ninguén.

Xusto cando escribimos estas liñas publicáronse os datos do segundo trimestre da economía española. O previsto, é dicir, unhas perspectivas para a maioría da poboación non rica nada alegres.

E precisamente tamén nestes días, exactamente o 25 de setembro, comezou a recollida de sinaturas dunha iniciativa cidadá europea para unha renda básica incondicional e universal. Caramba! Esto supón un esforzo organizativo enorme. Necesítase un millón de sinaturas en diferentes países europeos. E no prazo de un ano. Non é pouca cousa.

Calquera persoa que teña un interese mínimo no que se discute no mundo ou cun mínimo de antenas sociais estará motivado polo menos pola renda básica, unha asignación pública e monetaria incondicional e universal. Cicais cun punto de frivolidade, podería dicirse que a renda básica está de moda. Pode ser. Pero cremos que non se trata de moda. A renda básica está a espertar o interese de sectores sociais cada vez máis amplos por ser unha medida que dá resposta inmediata aos graves problemas aos que se enfronta unha gran parte da poboación non rica. O grave ataque á existencia material para a inmensa maioría da clase traballadora, que xa comezou co capitalismo contrarreformado da década dos 70 do século pasado, agravouse exponencialmente despois da crise de 2008 e a do Covid-19.

Un de nós foi convidado a participar na chamada “Comisión de Reconstrución Económica e Social” no Congreso dos Deputados o 22 de xuño e alí sinalou:

“Tan importantes como as boas razóns, é ter unha gran parte, a maioría, da cidadanía que está disposta a loitar, a defender, a facer súas as ideas. Non hai unha gran idea de que sen unha forza material que a defendese chegase a moi bo porto. O sufraxio universal de homes e mulleres, a abolición da escravitude, a liberdade de expresión, o matrimonio homosexual, o dereito ao aborto … foron logros que non se conseguiron só porque houbera algunhas persoas que os defendían, senón porque houbo unha gran parte dos cidadáns que loitou, empregaron as súas forzas e as súas razóns para conseguilos.

A renda básica aínda non se atopa nunha situación que se caracterice por ter unha maioría da cidadanía preparada para loitar, defender e votar por ela. Mais non hai dúbida de que cada vez hai máis sectores sociais de todo tipo (asociacións profesionais de traballadores sociais, da cultura, sindicalistas, movementos sociais …) que levantan a súa voz para propor renda básica. Seguramente non hai ningunha medida social que, xunto coa defensa da sanidade e a educación públicas, esperte un consenso cada vez máis crecente, especialmente desde a crise provocada, aínda que en realidade xa estaba larvada con anterioridade, pola Covid-19 .

Cada vez hai máis xente da esquerda que defende a renda básica. E algunhas destas persoas están algo perplexas cando len e escoitan que tamén hai defensores neoliberais que a defenden. Isto merece algunha aclaración.

As propostas e apoios para a renda básica proceden de posicións políticas, académicas e sociais moi diversas. Algúns partidos da dereita e outros da esquerda defenderon nalgún momento a renda básica en diferentes partes do mundo. No caso do reino de España, o partido político Podemos presentouse ás eleccións europeas de 2014 cunha defensa cristalina da renda básica. Pouco durou. Actualmente este partido defende os habituais subsidios para pobres ou extremadamente pobres. Anteriormente, presentáranse proxectos de lei en diferentes parlamentos autonómicos e no español con proxectos de lei en defensa da renda básica. A primeira vez que se presentou un proxecto de lei foi no 2002, cando Esquerra Republicana de Catalunya e Iniciativa per Catalunya presentaron unha proposta de lei no Parlamento de Cataluña. Tamén non durou pouco. Unha das razóns da brevidade temporal da defensa da renda básica por parte dalgúns partidos está no que poderiamos establecer como a “lei do afastamento do poder” que se pode enunciar así: a renda básica ten máis apoio dos partidos políticos cando están máis afastados están do poder. Ou tamén: a renda básica recibe menos apoio cando as partes están máis preto do poder. A isto refírense Van Parijs e Vanderborght cando falan do “apoio barato” dalgúns partidos á renda básica cando están lonxe do poder. E a falta de apoio cando están preto.

Pero aínda así, segue a ser certa a afirmación de que algúns partidos e académicos de dereitas, así como outros de esquerdas, defenderon a renda básica no pasado ou a está a defender na actualidade. Esta realidade leva, como mencionamos ao principio, a que algunhas persoas se sintan perplexas polo que supón este “prodixio”: dereitas e esquerdas defenden algo tan especial como a renda básica dun xeito común? Non, non hai tal marabilla. As diferenzas máis importantes entre as propostas de renda básica da dereita e da esquerda son moi grandes. Cinco das grandes diferenzas son as seguintes.

1) En como se financia a renda básica. Ou, o que é o mesmo, que parte da poboación gaña e que parte perde. Para as propostas claras de esquerda, polo menos da esquerda republicana e socialista como as presentadas en Sin Permiso, o financiamento da renda básica significa unha reforma fiscal que supón unha redistribución da renda das decilas máis ricas ao resto da poboación. A dereita busca outros obxectivos, non precisamente unha redistribución dos ingresos dos máis ricos ao resto.

2) Nas medidas de política económica que se propoñen adicionalmente xunto á renda básica. A esquerda republicana e socialista asume a defensa da sanidade e da educación públicas e, en xeral, do estado do benestar. A dereita non. Os defensores da dereita pretenden desmantelar o estado do benestar (ou o que queda do mesmo nalgúns lugares) “a cambio” da renda básica – este sería o caso, por exemplo, de Charles Murray, o economista que defende a renda básica nas páxinas do Wall Street Journal: o título dun dos teus libros é o suficientemente explícito In Our Hands: A Plan to Replace Welfare State— perseguindo os seus clásicos obxectivos de “adelgazar” o Estado – agás a policía, o exército e os tribunais de xustiza, significativamente – e reducir a presión fiscal aos ricos. A esquerda republicana e socialista non concibe a liberdade independentemente das condicións materiais da existencia. Para esta esquerda, unha renda básica podería e debería ir acompañada de máis e mellores servizos públicos e de propostas como a redución da xornada laboral. A Rede Mundial de Renda Básica (BIEN), que foi fundada en 1986 e que agora ten seccións en todos os continentes, é clara neste sentido, afirmando nunha resolución aprobada na Asemblea Xeral en Seúl en 2016 que a súa versión da renda básica é:

[E]stable en cantidade e frecuencia e o suficientemente alta como para ser, en combinación con outros servizos sociais, parte dunha estratexia política para eliminar a pobreza material e permitir a participación social e cultural de cada individuo. Opoñémonos á substitución de dereitos ou servizos sociais se esa substitución empeora a situación de persoas relativamente desfavorecidas, vulnerábeis ou de ingresos baixos.

3) Os defensores de esquerdas da renda básica tamén entenden que aumentaría o poder de negociación dos traballadores e das mulleres. Cando a relación laboral é tan institucionalmente asimétrica, aínda que os contratos entre unha multinacional ou gran empresa e calquera traballador tomen legalmente a ambas as partes como “iguais”, non é difícil ver como unha renda básica melloraría a posición da parte máis vulnerábel, que polo menos tería un ingreso superior ou cando menos igual ao limiar da pobreza sobre a que apoiarse. O aumento do poder de negociación dos traballadores e das mulleres que suporía a renda básica, como defende a esquerda, non é aceptado como bo nin desexable pola dereita. Adicionalmente, a dereita prefire pequenas cantidades de renda básica por debaixo do limiar da pobreza para “incentivar” o traballo remunerado. En canto á porcentaxe cada vez maior de “traballos de merda”, coma os catalogaba o recentemente falecido David Graeber, a dereita é insensible á cuestión xa que xustifica que sempre se tiveron que desenvolver traballos inútiles, desagradábeis e pouco interesantes para facer posíbel o crecemento.

4) Na neutralidade do Estado. Para a dereita, a neutralidade significa que o Estado non interveña nas negociacións e disputas dos diferentes axentes e sectores sociais. Para a esquerda republicana e socialista, significa que debe intervir activamente para evitar que as grandes potencias privadas, como as xigantes multinacionais, impoñan a súa vontade privada aos Estados, co ataque á liberdade da maioría non rica que iso supón. Cunha defensa dunha Renda Máxima, por exemplo. Un estado republicano debe intervir activamente para que a neutralidade sexa un feito, e non unha consigna superficial de “equidistancia entre os diferentes proxectos da boa vida”. Republicanamente, asúmese que o Estado debería ser equidistante entre as diferentes concepcións da boa vida, pero, cando grandes poderes privados teñen a capacidade de impor á cidadanía a súa concepción privada do ben, cando a constitución oligopólica dos mercados permite o secuestro do Estado por parte dos inmensos imperios privados, a neutralidade republicana significa intervención activa, non tolerancia pasiva e que gañe o máis forte.

5) Nas medidas que deberían acompañar a unha renda básica. A renda básica sería unha medida inherente á esfera da política económica, pero non é unha “política económica” por si mesma, como tamén temos insistido en ocasións anteriores. A diferenza entre as propostas de esquerdas e de dereitas tamén se fai evidente na cantidade e o tipo de medidas adicionais que estas implican no campo da política económica. Por exemplo, gravar con impostos aos ricos para que estes de feito paguen a renda básica do resto da poboación sería unha medida moi diferente de calquera que difunda unha oligarquía que enguliu todo o que estaba ao seu paso, ata o extremo de que tres persoas nos Estados Unidos – Jeff Bezos, Bill Gates e Warren Buffett – posuían no 2017 máis riqueza que a metade máis pobre do país xunta.

Non hai, polo tanto, ningún prodixio. Algúns autores de dereitas e outros de esquerdas defenden a renda básica, pero cremos que está claro que non se refiren a nada semellante máis alá de, como moito,o mesmo nome e da definición formal.

Descoñecemos a repercusión que terá para a Renda Básica o discurso do SG da ONU. Seguramente pouca ou ningunha. Non sabemos se FT seguirá insistindo nunha renda básica e nun imposto ás grandes fortunas. Con seguridade que non. E tampouco sabemos se se logrará o millón de sinaturas ata finais de setembro de 2021 a favor dunha renda básica europea. Pero isto último pagará a pena intentalo. No máis modesto dos obxectivos, servirá para que miles de persoas de toda Europa se impliquen activamente na campaña e a que centos de miles de cidadáns e cidadás coñezan as inmensas posibilidades desta proposta. E, quen sabe, cicais tamén poida servir para facer da renda básica unha proposta de realización moito máis próxima do que algúns están dispostos a admitir. En calquera caso, paga a pena intentalo.

Para asinar segue este enlace directo:

Na bosa páxina de feacebook explicamos como facelo (por se é necesario).

Unha Renda Básica Europea para que Nunca Máis ninguén quede atrás.

Por Afonso-Bieito Lorenzo Penela

Publicado en praza.gal (16-09-2020): Enlace ao artigo en Praza.gal

Este 25 de setembro vai iniciarse unha recollida oficial de sinaturas en apoio dunha Iniciativa Cidadá Europea, que obrigaría á Comisión Europea a definirse expresamente sobre a Renda Básica Universal, Incondicional, Individual e Suficiente.

E que vén sendo isto dunha Iniciativa Cidadá Europea? Pois unha Iniciativa Cidadá Europea (ICE) é semellante á nosa Iniciativa Lexislativa Popular, permitindo levar unha proposición ao Parlamento Europeo para o seu debate e posible aprobación  (1)

Para que se teña en conta debe cumprir certas condicións, concretamente, recoller 1 millón de sinaturas que avalen a iniciativa. As sinaturas deben estar avaladas por cadanseu documento de identidade de cidadáns europeos (DNI no Reino de España ) e deben recollerse en, cando menos, 7 estados diferentes da Unión Europea (UE) nos que se debe alcanzar un número mínimo de sinaturas (número que se dá a coñecer no Regulamento da ICE e que depende da súa poboación respectiva) O prazo para a recollida de sinaturas é de 1 ano.

O sitio web para asinar corre a cargo da propia Comisión Europea e, ademais de ser sinxelo de usar é, por suposto, seguro e non permite fraudes. É esta páxina a que se activará o 25 de setembro:  https://es.eci-ubi.eu/

Se a campaña ten éxito, tanto a Comisión Europea como o Parlamento Europeo deben conceder audiencia aos organizadores da ICE e decidir se apoian ou non a proposta e que accións máis adoptarán para implementala.

O obxectivo da ICE a prol da Renda Básica, aprobada por decisión da Comisión Europea que podemos ver no enlace da nota (2) é introducir rendas básicas incondicionais en toda a UE que aseguren a existencia material de cada persoa e a oportunidade de participar na sociedade como parte da súa política económica.

Non cabe dúbida de que a aprobación desta Iniciativa suporía, ademais dunha redución significativa dos niveis de desigualdade, un impulso ás políticas tendentes a reducir as disparidades rexionais e fortalecer a cohesión económica, social e territorial na UE o que suporía un cambio de rumbo na súa situación actual, cara a unha Europa máis dos cidadáns e dos pobos en troques da actual Europa das empresas e dos estados.

E, que vén sendo unha Renda Básica? Pois a Renda Básica consiste nun ingreso regular e suficiente (superior ao limiar da pobreza) para toda a poboación, sen ningunha condición, e de recepción individual.

Máis en concreto, o ingreso regular ten que ter as características de Suficiente, Universal, Individual e Incondicional.

I) Suficiente: A cantidade ten que ser abonda para permitir vivir con dignidade, por riba do limiar da pobreza (60% dos ingresos medios no territorio de implantación)

II)  Universal: Para todas as persoas residentes acreditadas no territorio.

III) Individual: É dicir, recibiríaa o individuo e non a familia nin ningunha outra comunidade máis ou menos extensa.

IV) E, probabelmente o máis controvertido, Incondicional, a renda básica parte da desaparición de subsidios condicionados, nomeadamente as Rendas de Integración, o Paro de longa duración, as Pensións non contributivas, etc. Hai que aclarar que substitúe a esta prestación cando esta é inferior, manténdose noutro caso.

E unha nota importante, é evidente que unha renda básica sen a rede do estado de benestar (sanidade, educación, dependencia e servizos sociais) nunca sería unha renda suficiente e deste xeito ficou recollido explicitamente nos estatutos da Rede Renda Básica internacional no congreso de Seul do ano 2016 e na do Reino de España dende o congreso de Zaragoza en novembro de 2017 (“Opoñémonos á substitución dos servizos ou dereitos sociais, se esta substitución empeora a situación das persoas relativamente desfavorecidas, vulnerables ou de baixos ingresos”).  

Pero, é posíbel a RB? Hai estudos serios que demostran a súa viabilidade. Considero especialmente ilustrativo o realizado por Arcaróns, Raventós e Torrens a partir dunha reforma da Renda das persoas físicas e do aforro en subsidios que sumen inferior contía a RB. Pódese ver máis información sobre o estudo, actualizado recentemente, na páxina da Rede Renda Básica (3)

E, é necesaria? Como dicía xa a principios da pandemia, o 17 de marzo, o Colectivo Cidadá pola RB da Coruña: (4) “É evidente, que a crise socioeconómica iniciada no ano 2008 non tiña rematado para a maioría da poboación, sometida a paro ou traballos precarios, a normativas laborais cada vez máis desfavorábeis, ou convertida en falsa autónoma. Pero agora, atopámonos cunha crise sanitaria, o Coronavirus que vai agravar a crise socioeconómica, especialmente para as persoas que se atopan en situación de vulnerabilidade.”

O tempo transcorrido non fixo senón darnos a razón. A medida adoptada polo goberno, o Ingreso Mínimo Vital, chegou lamentabelmente tarde e está demostrando a súa ineficacia ante a gravidade das situacións creadas pola pandemia. Unha situación que non vai mellorar. Son necesarias medidas máis valentes e rápidas e menos burocráticas. Neste sentido nós avogamos pola implantación dunha Renda Básica de Emerxencia. Un modelo semellante ao que se recollía pola Rede Renda Básica no enlace da nota (5)

Certamente esta Iniciativa Europea non é unha solución a corto prazo, pero vai no camiño de atopar unha solución permanente a esta grave crise pola que estamos a pasar. Non só a crise causada polo Coronavirus, senón á crise do cambio tecnolóxico, a dos problemas medioambientais, a da precarización dos empregos e que nos permita camiñar con dignidade cara á necesaria economía dos coidados.

Por ese motivo anímovos a asinar a prol da “Iniciativa Cidadá Europea Introducir a renda básica incondicional (RBI) en toda a UE”.

Enlaces mencionados e outros de interese:

1) Definición de Iniciativa Cidadá Europea:

https://europa.eu/citizens-initiative/initiatives/details/2020/000003_pt

2) Aprobación da “Iniciativa Cidadá Europea Introducir a renda básica incondicional (RBI) en toda a UE”

(3) Financiamento da RB:

http://www.redrentabasica.org/rb/que-es-la-rb/financiacion-de-la-rb/

(4) Comunicado do Colectivo Cidadá pola RB da Coruña do 17-03-2020: Ver

(5) Modelo de Renda Básica de Emerxencia:

http://www.redrentabasica.org/rb/ante-la-crisis-social-y-economica-se-necesita-con-emergencia-la-renta-basica-manifiesto-unitario/

OUTRAS páxinas de interese:

(6) Páxina do Reino de España sobre a ICE pola RB europea:

(7) Páxina dos Colectivos Cidadáns pola RBU de Galicia:

https://colectivoscidadansrbu.wordpress.com/

Facebook dos Colectivos Cidadáns pola RBU:

https://www.facebook.com/Colectivos-cidad%C3%A1ns-pola-Renda-B%C3%A1sica-Universal-251452571708259/

Iniciativa Cidadá Europea

O 25 de setembro empeza a recollida de sinaturas a prol da Iniciativa Ciudadá Europea (ICE) para a implantación dunha renda básica incondicional (proximamente tamén estará dispoñíbel en galego).

Aclaramos. Non se trata dunha recollida de sinaturas máis, sen ningunha repercusión posterior.

Esta si terá repercusións pois é unha iniciativa oficial aprobada pola Comisión Europea en decisión executiva de 15 de maio (https://eur-lex.europa.eu/legal-content/ES/TXT/PDF/?uri=CELEX:32020D0674&from=ES). As sinaturas evidentemente serán seguras pois realizaranse a través dunha plataforma dixital oficial (tamén se admite en papel pero subsidiariamente). De conseguirse o Millón de sinaturas no prazo do ano (ata o 25 de setembro de 2021) terá que ser estudada e, no seu caso, aprobada pola Comisión Europea. Está claro que os que queremos a Renda Básica XA! xogámonos moito nesta campaña. Temos que obter o millón de sinaturas. E canto antes mellor.

Neste momento estanse creando as plataformas de infraestrutura de apoio a esta Iniciativa Lexislativa Europea. No Reino de España conta co apoio da Rede Renda Básica (http://www.redrentabasica.org/rb/) e téñense creado diferentes grupos de traballo e plataformas dixitais dende as que conseguir información para traballar na mesma. Aquí algúns enlaces:

Facebook: https://www.facebook.com/groups/1602776246557355/?ref=share

Twitter: https://twitter.com/ICEporRBUI

Instagram: https://www.instagram.com/ice_renta_basica_incondicional/

En Galicia apoiamos a campaña dende os Colectivos Cidadáns a prol da Renda Básica Universal:

Blog: https://colectivoscidadansrbu.wordpress.com/

Facebook: https://www.facebook.com/Colectivos-cidad%C3%A1ns-pola-Renda-B%C3%A1sica-Universal-251452571708259/

Instagram: https://www.instagram.com/colectivoscidadans/

Se alguén está interesado en unirse á campaña, pode contactar con nós deixando unha mensaxe no facebook ou ben usando o correo que aparece no blog.

Deixamos este artigo publicado en SinPermiso polos membros da Rede Renda Básica Julen Bollain, Daniel Raventós e Sergi Raventós, onde falan algo máis polo miúdo desta iniciativa e da situación actual no Reino de España, derivada do actual fracaso do Ingreso Mínimo Vital:

https://www.sinpermiso.info/textos/en-marcha-por-una-renta-basica-incondicional-europea

“Unha Renda Básica implantada a nivel europeo sería un mecanismo redistributivo que, máis alá de garantir a existencia material da cidadanía, permitiría a todas as persoas que viven aquí beneficiarse igualmente da riqueza xerada grazas á integración europea. Un mecanismo de solidariedade en forma de transferencias fiscais transnacionais necesarias para que a zona euro reduza as asimetrías e desequilibrios económicos e sociais. Ademais, reduciría significativamente algúns dos factores para a migración dentro da Unión Europea, evitando así o efecto negativo da “fuga de cerebros” en certos países, ao mesmo tempo que afondaría nunha maior lexitimidade e apoio cidadán ao proxecto europeo, actualmente rachado Europeo. Finalmente, e observadas as evidencias empíricas dos proxectos piloto, a renda básica permitiría mellorar considerablemente as condicións materiais da gran maioría dos cidadáns europeos, que terían dereito a ingresos incondicionais, sen obstáculos administrativos nin o risco de estigma social asociado ás rendas condicionadas. Condición para a liberdade de toda a cidadanía.”

Robots, ludismo e xuíces.

Por Afonso-Bieito Lorenzo Penela

Como sabemos, os ludistas foron traballadores do século XIX, expulsados dos seus traballos polas máquinas daquela, e que se enfrontaban a esas máquinas, destruíndoas canto podían. A miña simpatía con ese movemento é inevitábel, quen non vai estar de acordo cos que defenden o seu traballo, que é o mesmo que dicir o seu pan e o dos seus fillos?

Parece un movemento do pasado, se ben a lóxica segue a estar presente. As novas máquinas, sexan robots, ventas por internet, procesos automáticos… seguen a destruír o emprego, única forma da maioría de nós de poder vivir dignamente.

Non obstante, como nos informan neste artigo, os intentos de substituír os empregados por máquinas atópanse en España cun freo inesperado: os xuíces. Nos últimos meses, hai varias sentenzas que negan que un traballador poida ser despedido porque se implementou un software ou un robot que mellora a eficiencia.

A nosa simpatía, dende logo, está con estes xuíces, se ben, como se di no artigo, no seu intento de establecerse como unha presa de contención ante o risco real dunha substitución masiva de traballadores por robots, a súa capacidade é limitada. O único que poden facer é encarecer os despidos pola vía de declaralos improcedentes; Non poden invalidalos porque as causas de nulidade están taxadas pola lei.

E os beneficiarios serían os de sempre, as grandes empresas, que teñen músculo económico para afrontar o custo dos despedimentos que modernizarían os seus procesos de produción, mentres que as pequenas empresas, con máis dificultades, atoparían máis difícil mellorar os seus procesos e, consecuentemente, aumentar a súa produtividade.

Os problemas das máquinas que causan desemprego son sempre terríbeis, pero a solución nin estivo nin vai estar no ludismo.

Tampouco vou defender que a Renda Básica vai resolver todos os problemas socioeconómicos derivados das novas tecnoloxías. Pero é evidente que vai ser parte da súa solución.

El País 08-0-2020:“Señoría, un robot me ha quitado el trabajo”

#RendaBasicaXa

#PlanDeChoqueSocial

#RendaBásicaELiberdadeRepublicana

#RBUeAutomatizacion.

2020-07-08

07-07-2020. Presentado o informe sobre a pobreza estrema e os Dereitos Humáns, polo relator especial da ONU.

Coas súas virtudes e os seus defectos, pero cada vez estráñanos menos que a ONU se convertese nun demo para os poderosos do mundo, sexan Estados ou, especialmente, membros do 1%.

Onte 7 de xullo, Olivier De Schutter, relator especial da ONU sobre a pobreza estrema e os Dereitos Humáns, presentou o informe preparado polo seu antecesor Philip Alston. Neste enlace podedes ler unha crónica de El Salto Diario.

https://www.elsaltodiario.com/pobreza/philip-alston-informe-extrema-pobreza-una-decada-despilfarrada

Neste outro enlace está o informe dedicado especialmente ao reino de España (en castelán)

https://undocs.org/es/A/HRC/44/40/Add.2

Deste informe queremos resaltar o resume (do propio informe):

“A economía española, cuarta na Unión Europea, experimentou un crecemento constante desde a crise, o que provocou unha diminución do desemprego e un aumento dos salarios e das exportacións. Non obstante, a recuperación beneficiou principalmente o estrato máis rico da sociedade e, en gran medida, os poderes públicos fallaron ás persoas que viven na pobreza.

Como consecuencia, aínda hai situacións moi estendidas de gran pobreza, unha alta taxa de desemprego, un desemprego xuvenil crónico, unha crise de vivendas de enormes proporcións, programas de protección social moi insuficientes, un sistema educativo segregado e cada vez máis anacrónico, políticas tributarias e de gasto que favorecen moito máis ás clases ricas que ás pobres e unha mentalidade burocrática que permite ás autoridades evitar a súa responsabilidade e valorar o formalismo máis que o benestar das persoas. É máis que evidente que o sistema de prestación de asistencia social está roto, non está financiado adecuadamente, é imposible non perderse nel e non chega ás persoas que máis o necesitan.

A formación dun novo goberno ofrece unha oportunidade para o cambio. O anuncio de que priorizará os dereitos sociais, a xustiza fiscal e as condicións materiais das persoas máis vulnerables é encomiable. Pero as súas palabras deben traducirse en feitos. España necesita innovación no goberno central, que debe ter recursos para animar ás comunidades autónomas a participar en reformas estruturais de gran alcance.”

Máis claro, auga.

E neste outro enlace está o informe internacional (en inglés).

https://chrgj.org/wp-content/uploads/2020/07/Alston-Poverty-Report-FINAL.pdf

Destacamos a cuarta e última das súas conclusións (tradución propia):

A pobreza extrema é e debe entenderse como unha violación dos dereitos humanos. As protestas de (dispor de…) recursos inadecuados son totalmente pouco convincentes, dada a negativa decidida de moitos gobernos a adoptar políticas fiscais xustas, acabar coa evasión fiscal e deter a corrupción. A pobreza é unha opción política e estará con nós ata que a súa eliminación sexa reconcebida como unha cuestión de xustiza social. Só cando o obxectivo de acadar un nivel de vida adecuado como o un dereito humano substitúa á miserable liña de subsistencia do Banco Mundial, a comunidade internacional estará no camiño de eliminar a pobreza extrema.”

Máis claro, auga. Non é de estrañar que a Trump e ao 1% lles moleste a ONU. Como lles molestamos aqueles que queremos que a frase de “Que ninguén quede atrás” non sexa só unha frase.

Valoración programas partidos. Eleccións galegas 2020

O día 17 de xuño os Colectivos Cidadáns pola Renda Básica Universal dirixímonos aos seguintes partidos: PP-Partido Popular, MG-Marea Galeguista, PsdG-PSOE-Partido Socialista, GC-Galicia en Común, BNG-Bloque Nacionalista Galego e Equo co texto que reproducimos para solicitar a inclusión, no seu caso, da Renda Básica no seu programa electoral.

Á nosa solicitude contestaron todos os partidos, que nos remitiron os seus programas electorais, agás o do PP que obtivemos da súa web. O PSdG-PSOE mandounos o enlace a súa páxina web onde pódense ler “todos os seus documentos programáticos”. Equo remitiunos a parte do programa correspondente a “Dereitos Sociais”. Os programas son os seguintes:

https://www.psdeg-psoe.com/ahoradocambio/

Finalmente indicar que tamén tivemos unha reunión telemática con Marea Galeguista e con Galicia en Común, as cales transcorreron con cordialidade, sen que a poideramos ter noutros casos, como Equo, por problemas de axenda.

Pola nosa parte, consideramos que a Renda Básica Universal e a Renda Básica de Corentena son medidas imprescindíbeis neste momento na loita contra a pobreza e a exclusión social, por unha banda, e na defensa e afondamento do estado do benestar, por outra.

Á vista dos mencionados antecedentes constatamos en primeiro lugar, que a Renda Básica ten cada vez máis visibilidade nos programas de algúns partidos políticos. Concretamente aparece cun bo tratamento nos de Marea Galeguista e Equo e, en moita menor medida, en Galicia en Común.

MG: Destaca claramente a presenza da Renda Básica Universal (RBU), así como da Renda Básica de Corentena no programa da Marea Galeguista. A RBU e a Renda Básica de Corentena figuran no seu programa no punto 1º cunha formulación adecuada, e ademais figuran transversalmente, (en igualdade, medio rural, servizos sociais, infancia e mocidade, devalo demográfico, inmigración, reforma do estatuto ou cultura). É dicir, o programa se nota que foi redactado cun gran coñecemento da medida, que xa teñen levado en anteriores programas electorais. Foi o único partido que a mencionou (escasamente pero mencionouna) no debate televisivo

Equo :Tamén aparece correctamente a RBU e a Renda Básica de Corentena no programa de Equo que tamén a ten levado en anteriores programas electorais. De feito, nesta ocasión, utilizaron as nosas propostas, incluíndoas case literalmente no seu programa. O seu tratamento é correcto.

GC: Ten unha presenza moito menor en Galicia en Común. Mencionan a renda básica se ben o seu programa está claramente enfocado “a favor do emprego” e a “Renda Garantizada Cidadanía Galega” (unha renda condicionada), que parece que denominan as veces como Renda Básica de Cidadanía, creando confusionismo polo uso inadecuado das palabras Renda Básica. Pensamos que é a primeira vez que aparece no seu programa, se ben moi pobremente “como un horizonte posto na implementación progresiva dunha renda básica de cidadanía de carácter universal” e “Converter Galicia nun referente dentro do estado español no debate, análise e estudo experimental de novos modelos de política social como, entre outros, a Renda Básica, iniciando un plan experimental e un debate parlamentario e na cidadanía” o que valoramos positivamente, pero consideramos moi insuficiente.

BNG: A Renda Básica non aparece, nin sequera mencionada, no programa do resto dos partidos, se ben hai diferencias reseñábeis no tratamento da loita contra a pobreza e a exclusión e a prol do estado do benestar que tamén cremos que se deben de valorar. Así o BNG propón un “Plan de emerxencia social” e unha “Renda de Inserción Social e Laboral” concibida como un rendemento básico (condicionado) que “englobe o conxunto de prestacións presentes e futuras, co obxectivo principal de evitar que ningunha persoa residente na Galiza caia ou fique na pobreza e na exclusión social, buscando para iso o seu desenvolvemento integral como ser humano e promovendo e mellorando as súas condicións económicas e sociais, cun importe equivalente ao SMI” (evidentemente, non é unha Renda Básica).

PSdG-PSOE: limítase a dicir que aplicarán o Ingresos mínimo vital e que o complementarán coa RISGA, baseando o seu programa (en resume) principalmente en políticas de creación de emprego.

PP: No programa do Partido Popular non encontramos (en resume) medidas especificamente relacionadas coa Renda Básica nin coa loita contra a pobreza.

Séguenos no noso Facebook ou Instagram.